vc


Este sitio emplea cookies de Google para prestar sus servicios, para personalizar anuncios y para analizar el tráfico. Google recibe información sobre tu uso de este sitio web. Si continúas utilizando este sitio web, se sobreentiende que aceptas el uso de cookies.

martes, 14 de mayo de 2013

NACIONALISMOS DE GRANDE E PEQUENA NACIÓN EN ESPAÑA



Por Román Alonso*

Estamos inmersos nunha crise capitalista sistémica que está exacerbando de xeito novedoso a confrontación capital-traballo en países da UE, con especial virulencia no sur. A resistencia obreira toma forma de grandes mobilizacións de masas e desgaste das formacións políticas tradicionalmente  dominantes.
Antes da crise parecería que as operacións de saqueo de recursos naturais estratéxicos polos monopolios e poderes financeiros multinacionais  e as consecuentes  batallas  políticas ou de guerra aberta contra a desposesión eran cousa de Medio Oriente, África ou Latinoamérica.  A resistencia antiimperialista politicamente predominante nestas zonas adoptou unha forma de resistencia nacional  soberanista que solapa a continua loita de clases. Esta compoñente nacionalista  antiimperialista constátase  en Cuba, Siria, Venezuela ou Irán, por poñer  exemplos moi distintos e distantes pero unidos pola súa condición de tanques de primeira liña que acaparan as maiores doses de intervencionismo e odio mediático imperial, porque alí non teñen acollida os dictados do FMI, da UE ou da OTAN.

Aquí e agora en Europa os capitalistas pretenden que a depreciación dos capitais inherente ás fases recesivas, por exemplo dos  activos  inmobiliarios,  ou depreciación por simple redución da taxa de ganancia sean soportadas ou compensadas polas capas populares.  O instrumental é variado: recortes sociais en sanidade, educación ou dependencia,  fiscalidade regresiva coa suba do IVE para os de abaixo  e regalos ou paraísos fiscais para  ós poderosos; pero sobre todo o atraco da débeda soberana cunha sangría de intereses espoliadora.

Para esta faena en España o poder financeiro conta cos seus esbirros políticos de ámbito estatal (PP, PSOE ou UpyD) e  conta tamén con partidos nacionalistas social e descaradamente afíns como CiU ou PNV. Hai outros nacionalistas máis ambiguos, como poden ser ERC en Cataluña ou o BNG en Galicia na súa época do goberno bipartito 2005-2009.
A clase obreira mundial en toda  a súa diversidade está sendo vítima dun saqueo por parte dos poderes financeiros multinacionais. 
Loxicamente estas agresións xeran resistencia. Hai moitos anos que non se vía en España unha mobilización social tan xeralizada e persistente.  Esta loita social está producindo un enorme desgaste nos partidos sostedores do bipartitismo imperfecto que xestionou nos derradeiros trinta anos o sistema que agora entrou en barrena.

Para desarmar a resistencia, o poder imperialista recorta canto pode as vías de intervención democrática, de irrupción do poder popular.  De aí a lexislación electoral española, de aí o deseño da UE trazado as costas do pobo,  de aí o golpe de estado constitucional  perpetrado polo PP e PSOE no verán de 2011 e diversas coalicións  sistémicas ensaiadas en Italia ou Grecia.

O poder financeiro teima con  poñer de xeonllos a estes estados, sexa mediante a débeda soberana, sexa co  entramado da UE, algo similar ó ALCA americano - rexeitado polos países do eixo bolivariano -  sexa co golpe constitucional español. Si pese a esta batería de medidas, algún estado descarrila das  pretensións imperiais, entrariamos noutra fase de agresión que pode ir dende o  bloqueo económico ata a agresión militar directa coma en Cuba ou Siria.

No camiño de construción da alternativa de clase fronte ó capital o tema nacionalista debe ser ben tratado, para que actúe como un elemento potencialmente positivo.
Interactúan a día de hoxe en España tres nacionalismos que describiremos sinteticamente.

Nacionalismo español
Por un lado temos o tradicional nacionalismo español, fortemente asentado logo de cincocentos anos da unificación fernando-isabelina. Houbo episodios de ruptura e secesión, pero nos dous séculos derradeiros o estado español foi o marco territorial das grandes loitas da clase obreira, loitas nas que  os núcleos cataláns e vascos, xunto coas cidades máis industrializadas de España foron barricadas de primeiro orde.  A coordinación das loitas actuais contra os ditados da troika e recortes sociais está funcionando principalmente nese marco, sen excluír coordinacións doutro nivel autonómico ou municipal. Ocorre así por canto os núcleos das decisións agresivas atópanse no aparello central do estado español.  Os líderes neoliberais acostuman a disculpárense  co mandato da UE, pero  a verdade é que, con  vontade política,  a soberanía dos actuais estados é ampla e a presión popular decide.
O problema é que a soberanía do estado español, limitada dende sempre polos intereses das clases dominantes, está postrada ante o poder financeiro multinacional imperialista defendido  por EEUU,  a UE e a OTAN.  Por iso o patrioterismo españoleiro do franquismo e dos seus herdeiros constitúe  unha grande tomadura de pelo ó pobo español.

Nacionalismo europeo
Existe tamén un certo nacionalismo europeísta construído por impulso e para maior gloria dos intereses capitalistas multinacionais que oprimen descaradamente ós pobos da UE. Tense dado intentos sindicais de confluencia europea das loitas obreiras e dalgunha  formación política coma o EL[1] (Partido  da Esquerda Europea), cuestionadoras do neoliberalismo e das políticas de austeridade, pero que non pasaron do simbólico, xa que varias circunstancias, como importantes diferenzas de estratexia política e o propio deseño antidemocrático da UE, impiden que este sea un marco adecuado para coordinar loitas políticas masivas a ese nivel.
O nacionalismo europeísta, dende a perspectiva obreira parece máis unha boutade que unha necesidade estratéxica. Como ben resume o Roto nun cadro recente ó sentimento que máis une actualmente ós europeos é o euroescepticismo.
Sin descartar futuras e posibles accións de coordinación de loita a nivel europeo, a clase obreira sabe que o poder real de decisión está nos gobernos dos estados actuais e cara alí dirixe os seus escraches.
Concordando en que a UE funciona como a gran escusa dos políticos mercenarios neoliberais,  sendo pois unha estrutura inimiga das clases populares, o debate na esquerda anticapitalista, está situado actualmente en sopesar as vantaxes e inconvenientes da continuidade ou saída unilateral da UE por parte de cada país, así como as condicións e o momento máis adecuado para cada opción.

Nacionalismos periféricos
Ó longo do s. XIX[2] fóronse desenvolvendo os nacionalismos periféricos catalán, vasco ou galego, entre outros, auspiciados polas pequenas burguesías respectivas na procura de colocárense en posición de forza para tratar coa burguesía centralista.
O resultado actual é o dun estado español sobreposto a nacionalidades e comunidades nas que perviven culturas, idiomas e sentimentos  de identidade diferenciados. Sentimentos máis ou menos acentuados en función da diferenciación idiomática e outras condicións históricas  e xeográficas.
Sobre esta base xurdiron  os actuais  partidos nacionalistas que, cunha especial implantación en Euskadi, Cataluña ou Galicia, priorizaron o debate sobre o tema soberanista.

Os posicionamentos respecto dos diferentes nacionalismos son diversos no seo da esquerda, constituíndo un elemento de división interna polo que compre consideralo ben,  para a construción da alternativa anticapitalista. 
Os dous nacionalismos que perviven con puxanza en España son o españolista e os periféricos.  Ambos con raíces históricas e sentimentais fortemente  ancoradas.

A posición marxista sobre o nacionalismo
No Manifesto Comunista sitúase como obxectivo do proletariado a súa propia emancipación fronte á burguesía, para exaltarse a sí mesmo como clase nacional nun sentido contrario ó da burguesía.
Afirma J.Mª Laso[3] que para Marx e Engels a cuestión nacional non e máis que un problema subalterno que debe supeditarse ó interese do movemento obreiro, rexeitando ambos autores a xeneralización absoluta do dereito de autodeterminación, por canto nalgúns casos podería ser favorable e noutros reaccionario. Sobre esta base introducirían respecto da cuestión irlandesa o concepto de “nacións oprimidas” e “nacións dominantes”, considerando que en casos de opresión nacional as loitas de emancipación da clase obreira e de liberación nacional poden converterse en solidarias e complementarias.
Entendía Lenin que o  dereito de autodeterminación equivale unicamente o dereito a independizarse das nacións[4]. Segundo Stalin unha nación en determinadas condicións pode non desear independizarse, exercendo o dereito de autodeterminación baixo a forma de autonomía[5].

Para Lenin “a clase obreira é a que menos pode facer un fetiche do problema nacional, porque o desenvolvemento do capitalismo non esperta necesariamente a todas as nacións a unha vida independente”[6]
Dende similares posicionamentos, xa no século XX, Stalin[7] concluirá na necesidade de apoiar os nacionalismos antiimperialistas e rexeitar os nacionalismos  que ocasionan división da clase obreira.

Realidades e sentimentos
Polo que respecta a Cataluña, Euskadi ou Galicia, parece difícil admitir a súa caracterización de colonias ou vítimas dunha relación imperialista co estado español.
Cataluña e Pais Vasco veñen rexistrando unha renda per capita  superior á media española, polo que poderase falar de "opresión nacional" no que respecta o tema cultural ou idiomático, pero non así de opresión económica de tipo imperialista.  Pensemos que cando alguén gana outros perden.
Tampouco a situación de Galicia, inda cunha renda per cápita inferior á media española ó igual que outras rexións, cabería cualificala como dunha dependencia colonial ou imperialista. Os desequilibrios de desenvolvemento explícanse suficientemente e mellor pola dinámica do sistema capitalista e a opresión centralista.
Ten sentido ligar os sentimentos nacionalistas e de clase en situacións de agresión imperialista como en Cuba, Venezuela ou Siria, pero constitúe un puro idealismo sen base  material suficiente intentar  aplicar o mesmo esquema ás nacións ibéricas respecto do estado español.

O movemento pequeno nacionalista en España, non disgusta ó poder financeiro multinacional. Polo contrario axuda a debilitar o estado español que perciben como un aparato de dominación excesivamente custoso pola inflación do gasto dirixo á lexitimación do sistema, os servizos sociais que prefiren privatizados (policía, exército, sanidade, educación, dependencia, pensións, prisións).
Agrada a sectores da burguesía local e da aristocracia obreira que, replicando no ámbito nacionalista o seu espíritu pequeno empresarial, aspira a interlocucionar co poder imperial directamente, sen a intermediación da burguesía española. Poñen como modelos determinados paraísos fiscais, pero non lles importa que sean responsables do expolio dos pobos polas burguesías evasoras.  Apoiaron a secesión de Kosovo, sin importarlles que pasara a ser unha base da OTAN onde campa a mafia e o proxenetismo.
Si coa independencia dalgunha das nacións periféricas se derrubase, por exemplo, o actual sistema de pensións na España restante e na pequena nación que se independiza, ¿qué lle importa a estes burquesiños que poden pagar un sistema privado?.

Temos, pois, unha realidade obxectiva e temos por outra parte as percepcións subxectivas e os sentimentos. Sentimentos que son en grande parte procesos aprendidos, froitos de base material real ou imaxinada; de clase propia ou de inseminación allea. 
Grande parte do pobo español creceu e foi alimentado con sentimentos de pertenza comúns, pero tamén moitos traballadores das pequenas nacións  e rexións españolas sustentan sentimentos de pertenza ó seu pequeno país.

Conclusión
O dereito de autodeterminación, o dereito a decidir, non se vota, exércese.  Cada nación das que compoñen o estado español decidirá sobre a súa independencia cando lle pareza, merecendo o respecto xeral.  Mentres tanto, todo o debate soberanista, co dereito a decidir como capa, estalle servindo ás burguesías española e das pequenas nacións para torear á clase obreira do seu obxectivo prioritario:  a liberación de clase. Nesta batalla de ideas a esquerda marxista debe lucir cun perfil propio, desmarcándose claramente do xogo independentista e do referendismo fraccionador da clase por carencia dun consenso nacional independentista previo e suficiente. 

Afrontar a loita obreira popular contra o saqueo financeiro, contra os recortes socias, construíndo un poder alternativo da clase obreira, esixe todas as enerxías da esquerda. Sobre esta base interesa a converxencia coas organizacións nacionalistas diversas que asuman o anticapitalismo.

Ningún proceso constituinte para unha alternativa socialista de loita e de goberno se pode articular enfrontando á clase obreira con discordias burguesas, tirando pola borda os logros conquistados coa loita obreira e popular común,  os sistemas públicos de pensións, sanidade,  educación  ou dependencia.
A mellor estrutura estatal capaz de compaxinar as diversas identidades é un estado federal multinacional, republicano e socialista anticapitalista, no que se respecten os sentimentos culturais e nacionais, sexan de pequena ou grande nación, cunha estrutura de competencias claras e blindadas.

O gran problema para a clase obreira é dotarse dunha opción política capaz de dar unha saída  anticapitalista a actual situación, porque a mobilización social sen alternativa política ten un recorrido  curto.  A día de hoxe a estrutura mellor posicionada a nivel de estado para actuar como aglutinante de dita alternativa é IU, con todas as eivas, insuficiencias e contradicións que a conforman, sempre que se desmarque claramente do soberanismo pro independentista.

Con tódolos respectos é moi importante non confundir. O principal sentimento e identidade que debemos cultivar os marxistas é o interese de clase, auténtica patria grande da clase obreira,  dende os tempos do manifesto ata o horizonte comunista que a razón añora.

* Román  Alonso Santos. Coordinador comarcal de Esquerda Unida en Vigo.



[1]    http://www.european-left.org/
[2]    http://www.historiasiglo20.org/HE/11a-3.htm
[3]    J.Mª Laso. Op. Cit.
[4]    Lenin (1914). El derecho de las naciones a la autodeterminación. http://www.marxists.org/
[5]    Stalin (1925).Discurso en la Comisión Yugoslava de Comité Ejecutivo de la Internacional Comunista. Citado por J. Mª Laso (1999) . El derecho a la autodeterminación. UTOPIAS, nº 181-182.
[6]    Lenin . Op cit. En J.Mª Laso.
[7]    Stalin (1913). El marxismo y la cuestión nacional. http://www.marxists.org/